lunes, 13 de abril de 2020

ACTIVIDADES ÁREA DE EDUCACIÓN FÍSICA

Ola chicos e chicas, espero que esteades moi ben, cada vez queda menos para volver a vernos!!! 

É moi importante que realicedes algunha actividade física diaria: 

- Consulta os vídeos con exemplos de exercicios de “A Moverse na Casa” que vou actualizando todos os días. 
- Tamén podedes ver os "Vídeos Enviados polas Familias" e participar enviando os vosos. 

Aparte deste traballo físico diario, déixovos as seguintes propostas semanais para realizar:


  • ÚLTIMA SEMANA DO 15 AO 19 DE XUÑO:
Quero agradecervos o traballo realizado dende casa e felicitar tamén ás vosas nais e aos vosos pais por axudarvos a levar esta situación tan difícil e por realizar todas as actividades do blogue. Espero que o que vos recomendei fose divertido e o pasarades ben xa que os vídeos que enviastes si que o foron.
Agardo que no verán fagades moito pero moito exercicio e seguro que en setembro todo vai ben e volvemos a estar xuntos outra vez. Aos de 6º que marchades ao instituto, deséxovos moita sorte e que volvades de visita para poder darnos un abrazo grande. FELICES VACACIÓNS!!!

Nesta última semana de curso, na que xa noto que estades bastante cansos e cansas, non vos mandarei nada, igual que no cole que xogamos ao que máis nos gusta, o único dicirvos que realicedes exercicio físico a miúdo para estar sans e fortes. Orgulloso me sinto de todos e todas vós. Podedes consultar este blogue durante o verán onde hai moitos exemplos de sesións que podedes realizar nas 3 entradas que fixemos desde o mes de marzo. 
Déixovos estes 2 vídeos, relacionados co deporte, dun grupo de actores cómicos especialistas en linguaxe corporal por se queredes pasar un rato agradable. APERTAS E TODO SAIRÁ BEN!!!





  • SEMANA DO 8 AO 12 DE XUÑO:
Xa nos achegamos ao final do curso e noto que xa estades algo cansos e cansas, é normal, así que empezaremos a baixar o ritmo. Creo que o que o traballo que fixestes ata agora está moi ben realizado e felicítovos.
Para esta semana podes realizar estas 2 rutinas:

1- Exercicios de forza, resistencia e mobilidade, faciliños. Coida moito as posturas e acórdate, costas sempre rectas. Vai en inglés e de paso poñemos contenta á teacher e que participe toda a familia!!!



2- Fitness en casa: como se fai o teu nome?
Cada letra do abecedario ten unha actividade asociada. 
Podes probar a realizar o seguinte: 

- Formar o teu nome e o dos membros da túa familia. 
- Tamén podes engadir os apelidos.
- Intenta formar as palabras “educación física”. 
- Cal é a palabra máis longa que coñeces? 
- Sabes unha palabra que teña as cinco vogais? 
- etc.


Envía a túa secuencia como sempre nun enlace de vídeo, a ver se adiviñamos a palabra que nos ofreces.

Ánimo e a practicar!!!

  • SEMANA DO 1 AO 5 DE XUÑO:
1- Oca Interactiva:

 Oca InteractivaO enlace leva ata outra oca interactiva xa que creo que vos gustou a anterior. Elixe un balón e sitúao na saída (5 xogadores/as) que será a túa ficha, arrástraa ata a saída e lanza o dado, para iso pincha no dado que está na esquina superior dereita, no medio do vídeo, dálle a pausar para saber que número te saíu. Vai á casiña correspondente e fai a proba física que te indique (para os máis pequenos podedes adaptar as probas con menos repeticións). Se tes éxito avanzas ata esa casiña pero se erras, quedas onde estabas. Gaña o que antes chega ao 57.
Se non funciona a Oca Interactiva, xa que ás veces está saturada de visitas, podedes debuxar e pintar o xogo ou ben descargar o arquivo. EN FAMILIA, sempre máis divertido!!!

2- Busca no teu ciclo e realiza as actividades online que se propoñen relacionadas con educación física e recorda, pensa ben antes de contestar (Ao parecer, os enlaces dan problemas nos móbiles. No ordenador, se as actividades non se ven, hai que activar Flash Player. Pincha no enlace e fai clic na icona da "i" ao lado esquerdo da dirección web. Na ventana emerxente, busca a opción Flash e fai clic no menú desplegable xunto a el e configúrao en "permitir sempre" para executar Flash neste sitio. Reinicia o navegador para actualizalo.)

1ºCiclo (1ºEP e 2ºEP) - “Diverland”:

2ºCiclo (3ºEP e 4ºEP) - “Ludoland”:

3ºCiclo (5ºEP e 6ºEP) - “Moviland”:


  • SEMANA DO 25 AO 29 DE MAIO:
1- Esta semana practicaremos habilidades con pelota: bote, lanzamentos, recepcións e algúns xogos. A ver se tedes por casa algunha pelota de tenis ou pelota similar que bote, bolsas da compra, calcetíns e peluches. Mirade o seguinte vídeo e practica os exercicios que se propoñen. Adaptar segundo idade. De 3º a 6º intentade realizalos tamén coa man e pé non dominante, é dicir, se sodes destros, realizade tamén coa esquerda. Mínimo 2 veces á semana:



2- Sé creativo e inventa outros exercicios de habilidades que poidas realizar coa pelota, podes enviar un enlace dun vídeo.

3- Neste enlace sodes os protagonistas dun videoxogo. Debedes correr, saltar ou agacharvos segundo os obstáculos que vexades na pantalla. Pinchade aquí e a ver se sodes capaces de superar os 4 niveis e derrotar ao dinosauro final!!!



4- Reto da zapatilla en equilibrio: dificilísimo!!! Xa vos digo que o intentei como 20 veces pero me foi imposible. Eu creo que vós seredes capaces porque tedes máis habilidade e algunha profe do cole tamén, a ver se adiviñades de quen se trata:



Envíame un enlace dun vídeo curtiño subido a Drive para ver que tal o facedes (por mensaxería Abalar ou mail). Eu publicarei o enlace na sección "Vídeos Enviados polas Familias". TODO SAIRÁ BEN E SEGUIMOS MOVÉNDONOS!!!


  • SEMANA DO 18 AO 22 DE MAIO:
Esta semana toca practicar Acrosport. Propoñemos pasar un bo intre en familia realizando figuras humanas, seguro que o pasades moi ben e sempre mellor con axuda e supervisado por algún maior, mínimo 2 persoas!!!

1- Antes de realizar nada, mira con tranquilidade os seguintes enlaces para elixir o que queres traballar:

a) En que consiste o Acrosport? 
b) Imaxes de figuras de Acrosport (de 2 a 8 persoas).
c) Imaxe do Abecedario de Acrosport.
d) Vídeo exemplo de figuras de Acrosport:



2- Pensa nas medidas de seguridade importantes que tes que adoptar e prepara unha zona da casa, pide axuda á familia, nunca só ou soa: apartar obxectos, estar descalzo, usar esterilla, alfombra ou colchón, realizar quecemento inicial de mobilidade articular, costas sempre rectas, os agarres, os apoios, o portor, o áxil, o axudante… 

3- Practica en familia 2 veces á semana todas as figuras que poidas realizar e as que máis che gusten (2-3-4…persoas) e envíame un enlace dun vídeo curtiño subido a Drive para ver que tal o facedes (por mensaxería Abalar ou mail). Eu publicarei o enlace na sección "Vídeos Enviados polas Familias". "TODO SAIRÁ BEN" E SEGUIMOS MOVÉNDONOS!!!


Déixovos un par de figuras miñas, a ver se vos gustan: pincha aquí


  • SEMANA DO 11 AO 15 DE MAIO:
Esta semana imos traballar a propiocepción e o equilibrio que nos vai permitir controlar a posición e o movemento do noso corpo.
Debes realizar un quecemento previo de mobilidade articular e a continuación realizar unha serie de exercicios que vos poño nun vídeo. Primeiro mira o vídeo, prepara o material que vos servirán cousas de casa e vai facendo pausas para executalo ben. Repite as veces que fagan falta. Se notas fatiga, faino en varios días e adapta as repeticións á túa idade:

1- Vídeo: quecemento e exercicios de propiocepción e equilibrio (truco: mete ben o abdome hacia dentro cando fagas equilibrio, así controlarás mellor o teu corpo):

 

2- Inventa os teus equilibrios: dálle á imaxinación e que sexan distintos aos propostos. Enviade algún vídeo, seguro que son fantásticos!!!

3- Reto do equilibrio (pincha aquí): esta vez faciliño, a ver quen o consigue!!!

Non vos esquezades de enviarme  un enlace dun vídeo curtiño subido a Drive para ver que tal o facedes (por mensaxería Abalar ou mail). Eu colocarei o enlace na sección "Vídeos Enviados polas Familias". MOITO ÁNIMO E SEGUIMOS MOVÉNDONOS!!!


  • SEMANA DO 4 AO 8 DE MAIO:
Dálle duro que esta semana hai que suar!!! Non vos esquezades de enviarme  un enlace dun vídeo curtiño subido a Drive para ver que tal o facedes (por mensaxería Abalar ou mail).

- Circuíto de resistencia para 1ºEP e 2ºEP:
Segue as indicacións do seguinte vídeo. Son 8 exercicios con moitas repeticións e pausas pero que cada un o faga ao seu ritmo (recorda coidar as posturas) e se notas que son moitas repeticións, podes facer menos e descansar máis entre exercicios. Este traballo deberías repetilo as veces que queiras durante esta semana. Ánimo e a seguir movéndose!!! Cando remates, fai os estiramentos da dereita:

Circuíto en Inglés:
así melloramos coa teacher


- Circuíto de resistencia para 3ºEP, 4ºEP, 5ºEP e 6ºEP:
Tamén toca exercicio duro para esta semana. É un circuíto de 8 estacións que tes que preparar previamente para que os exercicios saian ben, recorda utilizar boas posturas. 3º e 4º que repita 2 veces o circuíto e 5º e 6º, 3 veces. Empeza polo exercicio nº 1 e remata no nº 8. 
Cando acabes 1 ronda, descansa realizando os exercicios de estiramentos durante 5 minutos. Este traballo deberías facelo mínimo 2 veces durante esta semana.
Pincha nos números para ver as explicacións antes de realizalo. Ánimo e a seguir movéndose!!!

 Circuíto de Resistencia
* (Ás veces esta páxina está colapsada, se non podes entrar, inténtao un pouquiño máis tarde)

- Reto dos abdominais: esta semana servirá para que vos poñades en forma e saír á rúa a pasear estando fortes, así que vos deixo este reto (truco: mete moito o embigo cara adentro, así protexes as costas), ÁNIMO!!!

Pincha aquí


  • SEMANA DO 27 AO 30 DE ABRIL:
Intenta realizar as seguintes propostas físicas durante a semana ou polo menos, as que máis gusten. Non vos esquezades de enviarme  un enlace dun vídeo curtiño subido a Drive para ver que tal o facedes (por mensaxería Abalar ou mail). Eu colocarei o enlace na sección "Vídeos Enviados polas Familias". MOITO ÁNIMO E SEGUIMOS MOVÉNDONOS!!!

1- De oca a oca, moverse é o que toca:
O enlace leva ata unha Oca Interactiva moi divertida. Elixe un número (do 1 ao 6) que será a túa ficha, arrástraa ata a saída e lanza o dado, para iso pincha no dado que está abaixo á esquerda e, no medio do vídeo, dálle a pausar para saber que número te saíu. Pon o rato nese número e fai a proba física que te indique. Se tes éxito avanzas ata esa casiña pero se erras, quedas onde estabas. Gaña o que antes chega ao 50. 
Se non funciona a Oca Interactiva, xa que ás veces está saturada de visitas, podedes debuxar e pintar o xogo da oca da foto ou imprimir este arquivo onde veñen o taboleiro e as ordes. EN FAMILIA, máis divertido!!!

2- Retos a realizar esta semana que podedes adaptar segundo idades:

  - Reto das cartas corredoras (velocidade)
  - Reto das cartas voadoras (respiración)
  - 4 Retos do papel hixiénico (forza, equilibrio) Se o profe supera este reto, "que non se diga", ti o farás mellor... 
Non esquezas enviar o teu vídeo onde incluso podes propoñer outros retos.

3- Busca no teu ciclo e realiza as actividades online que se propoñen relacionadas con educación física e recorda, pensa ben antes de contestar (nos móbiles dá problemas, mellor opción no ordenador):


1ºCiclo (1ºEP e 2ºEP):
Disfrazámonos. 

2ºCiclo (3ºEP e 4ºEP): 
Excursión a Ludoland. 

3ºCiclo (5ºEP e 6ºEP):
Non perdas o norte.


  • SEMANA DO 20 AO 24 DE ABRIL:
1- Esta semana imos traballar a coordinación mediante o baile e como a temática deste ano vai sobre iso, ensaiade os seguintes pasos para ver do que sodes capaces de conseguir. Facédeo en familia que é superdivertido, seguro que vos sae fantástico! Os/as que queirades, podedes enviarme (por Abalar ou mail) un enlace dun vídeo curtiño subido a DRIVE con algúns pasos de baile propostos e coa música que prefirades para compartir con todos e todas. Eu subirei os enlaces á sección de "Vídeos Enviados polas Familias". A ver cantos valentes e valentas temos en Vincios, seguro que moitos e moitas, ÁNIMO BAILARÍNS E BAILARINAS!!!



2- Busca no teu ciclo e realiza as actividades online que se propoñen relacionadas con educación física e recorda, pensa ben antes de contestar:


1ºCiclo (1ºEP e 2ºEP):

2ºCiclo (3ºEP e 4ºEP):

3ºCiclo (5ºEP e 6ºEP):
En busca do óso perdido.


  • SEMANA DO 13 AO 17 DE ABRIL:
Busca no teu ciclo e realiza todas as actividades online que se propoñen relacionadas con educación física. Pensa ben as respostas, xa que leva contador de acertos e erros, tamén podes consultar os informes para ver os resultados. Se sae mal podes volver a intentalo, ÁNIMO!!!:
(Ao parecer, os enlaces dan problemas nos móbiles. No ordenador, se as actividades non se ven, hai que activar Flash Player. Pincha no enlace e fai clic na icona da "i" ao lado esquerdo da dirección web. Na ventana emerxente, busca a opción Flash e fai clic no menú desplegable xunto a el e configúrao en "permitir sempre" para executar Flash neste sitio. Reinicia o navegador para actualizalo.)

1ºCiclo (1ºEP e 2ºEP) - “Diverland”:

2ºCiclo (3ºEP e 4ºEP) - “Ludoland”:

3ºCiclo (5ºEP e 6ºEP) - “Moviland”: